A compañía de maese Seisdedos, cego e monicrequeiro ambulante representa usando a técnica tradicional do bululú galego na que o lazarillo manipulaba os bonecos ocultos na capa do cego, que tocaba a zanfona, contos medievais (Joan de Timoneda, Lope de Rueda...) e cancións tradicionais (O sacristán de Coímbra). Unha representación que levan a cabo dous lalinenses; os actores-manipuladores Anxo García e Fran Lareu que onte recibiron os aplausos de numerosos peregrinos entre os que figuraba un nutrido grupo de portugueses que están facendo ao Camiño a Compostela, neste Ano Santo Xacobeo. Representación na que se reflectiu a dinámica clásica da picaresca e do engano entre cego e lazarillo que desencadeou os sorrisos dos camiñantes. Trátase dun espectáculo para todos os públicos, segundo explican os organizadores, «especialmente deseñado para representar en feiras, mercados e festexos medievais». Un espectáculo que se presta para «representar ante un grupo de xente, de idades dispares, como poden ser os peregrinos».
Voltará Seisdedos a escenificar «O cego dos monifates» pero, nesta ocasión, farao en Zamora no Museo Etnográfico de Castilla y León o vindeiro 29 deste mes de xullo. Con anterioridade, o día 27, na Casa da Cultura de Ordes tocaralle o turno á obra «A caixa de música». Un mes no que figura tamén outra actuación na explanada da estación de Renfe en San Francisco, Ourense, onde o grupo lalinense escenificará «O horrorroso crime de Xan Miñoca».
A compañía segue tendo un apretado calendario de actuacións para os vindeiros meses. De feito, para o vindeiro agosto, xa ten pechadas actuacións na Pobra do Caramiñal, Ourense, Zamora, Melide, Tui, Cambre, Noia e Brión. Un ano máis acudirá ao Concello de Agolada o próximo 10 de agosto con motivo da celebración da Feira Medieval, que se desenvolverá nos pendellos, a onde levará a obra «Varietés». Por outra banda ten previsto participar tamén no Festival Ponte Louco de Castro Caldelas, que está fixado para o vindeiro 21 de agosto. E, tralo verán, xa están pechadas actuacións para os primeiros meses de outono."



































