miércoles, 21 de noviembre de 2007

AS CORES DO OUTONO 1: RUTAS POR CALDELAS

Por fin teño algunha foto das excursións que fixemos na ponte de novembro, máis vale tarde ca nunca, así que vou tentar lembrala para facervos a boca auga e que vos animedes a facela.



A ruta empeza no Castro, en concreto na Pena. Desde alí baixamos por uns camiños ata a Tapada e dende ahí á estrada de Monforte ata a curva do rosario. Da curva do rosario sae un camiño á man esquerda que nos leva entre fermosos castaños ata Poboeiros. Este primeiro camiño é alucinante, nel todo se tiñe de dourado, ocre, amarelo. O sol cólase entre as follas das árbores proporcionando uns efectos de luces indescriptibles. O camiño está cheo de castañas e, agora que choveu un pouco, igual tamén hai cogumelos.



Dende Poboeiros hai unha boa vista do Castro e dos arredores, merece a pena deterse para recrearse nela. Ó fondo do pobo atópase a casa rectoral. Unha preciosidade que eu non tiña o gusto de coñecer. É unha mágoa non ter cartos par poder comprala e restaurala...


Á dereita da citada casa sae un camiño que, a través dun segundo fermoso bosque, nos leva ata Santa Tegra; en concreto ata a casa de turismo rural "O lugar do souto". De novo os xogos de luces e cores transpórtannos a un lugar máxico, a unha especie de bosque animado. O lugar do souto está agora tamén moi fermoso, ainda que Ainhoa quéixase de que non lle volverá dar o sol á casa ata o dia de San Sebastián.

Dende Santa tegra temos que dirixirnos ás ruinas de San Paio. As ruinas en abstracto resultan moi románticas, pero cando as ruinas están ó lado da casa permitindo que se perda unha xoia arquitectónica... entón o sentimento é de mágoa e impotencia.
Se rodeamos o mosteiro pola parte do cemiterio entramos nun camiño que transcurre nunha primeira fase entre viñas. Sinto non ter nin a sensibilidade nin o vocabulario suficiente como para describir o que alí poden atopar os vosos ollos en outono: os dourados cambian de tonalidade e vóltanse bermellos, granates; pero os verdes resístense a desaparecer. Cando o sol da nas follas das vides a sua luz multiplícase e reflíctese en miles de cores diferentes, a luminosidade case fai dano nos ollos. Cando ainda non conseguimos recuperarnos de tanta beleza, o noso camiño lévanos de novo a un bosque, aun pequeno bosque situado á beira do rio. Aquí predomina a frondosidade e o verde, os musgos e líquenes. Encántanme as paisaxes de rio, coa súa humidade, cos seus penedos, coas súas augas mansas; semella que nos estamos metendo nos versos de Sannazaro. ¡Canta beleza!
Xusto ó chegar ó rio podemos ver unha ponte pola que cruzaremos á outra beira dende a que podemos contemplar as ruinas (outra vez as ruinas) dun muiño.
Estamos no reino da penumbra, do marmurio do rio, da humidade, do verde.
De súpeto, sen aviso previo, os noso pasos condúcennos de novo á luminositade das viñas da Abeleda que vedes na foto.
CANTA FERMOSURA XUNTA.
Espero que as fotos e a escasa información que vos dou sexa suficiente para que vos animedes a facer a ruta, merece a pena. Se necesitades información máis precisa podédela atopar no Centro Comarcal Terras de Caldelas.