lunes, 15 de septiembre de 2008

LOS GIRASOLES CIEGOS: LA PELÍCULA





Este fin de semana fun ver a película de Cuerda. A verdade é que estaba expectante polo resultado final debido a dous motivos: baséase xustamente nos dous relatos do libro que máis me gustaron e, ademais, unha parte foi rodada en Montederramo e con extras coñecidos. Hei de confesar, e confeso, que me decepcionou un pouco. Xa sei que é un tópico iso de dicir que as películas nunca chegan ao nivel dos libros, pero creo sinceramente que esta vez é totalmente certo. O segundo relato do libro de Méndez: "Segunda derrota: 1940 o Manuscrito encontrado en el olvido" é dunha intensidade emocional incrible. A técnica utilizada imita a xa clásica do manuscrito atopado, presente na historia da nosa literatura xa desde as novelas de cabalerías e tan ben recreada polo archicitadísimo Cervantes. Neste caso, o devandito manuscrito aparece á beira de dous cadáveres e é un caderno no que, a modo de diario, un home recolle os últimos días da súa vida e da súa fuxida. Na película este relato aparece de xeito prácticamente anecdótico e sen achegarse, nin de lonxe, á intensidade que transmite o relato. "Los girasoles ciegos", que dá nome tanto ao libro como á película, si é máis fiel á historia de Alberto Méndez. Aínda así, sígome quedando co relato pois nel tanto a psicoloxía do Irmán Salvador como a de Ricardo e Elena, e ata a de Lorenzo queda moitísimo máis perfilada que na película. A estrutura do relato tamén me convence máis... pero como non quero destriparvos ambas cousas (libro e peli) recoméndovos que vaiades ao cine e logo xulguedes por vós mesmos.
En canto ás interpretacións, quédome coa de Raúl Arévalo. Maribel Verdú ten momentos moi interesantes, pero convenceme máis o primeiro. Pola súa banda, Javier Cámara está na súa liña: sobresaliente, por iso xa é difícil que me sorprenda. Sempre o fai estupendamente.
Los girasoles ciegos é unha das tres películas seleccionadas para representar a España nos Óscar, a ver se ao final é a elixida