jueves, 28 de julio de 2011

Sin Disciplina


Ti sabes que a idea de poiesis (creación) é algo múltiple, pois en realidade toda causa que faga pasar calquera cousa do non ser ao ser é creación, de xeito que tamén os traballos realizados en todas as artes son creacións e os artífices destas son todos poiétai (creadores)...” O banquete, Platón

Artistas do territorio expoñen no castelo de Castro Caldelas

Se a creación ha ser múltiple, un territorio, este, calquera, acolle a distintos creadores, distintas creacións, múltiples sensibilidades para múltiples materiais, e sen embargo, unha necesidade común de comunicarse ao territorio de onde xorde a idea dunha reunión, dun facer conxunto, dun plasmar desde diferentes esferas individuais un discurso colectivo: un modo de ser e aprehender a realidade fundado no crear, no facer.

Sin disciplina suxire e atinxe a unha vontade de vivir en cuestionamento tanxencial para coa estructura social tardo capitalista dominante, o valor do xesto e a súa simplicidade dotan de sentido á posibilidade mesma. Este xesto, o do pincel, do disparo fotográfico, tecido, tallado, gráfico ou tipográfico… constitúen na súa esencia un encontro e reacción frente a esa –calquera algunha unha- forma de realidade. Así plantexado, intervir reformulando plástica e verbalmente convértese en resquicios de subxectividade necesarios desde as cales a propia existencia vaise conformando.

Hai unha tentativa de creación colectiva, un elemento común sobre o que cada artista intervén no seu modo persoal de facer, que se plasma sobre un aro , un círculo de ferro. (aros que sostiñan cubas en cubas que contiñan viño). Un elemento que se trae á contemporaneidade para que cada artista actúe. Esta restricción, este pregarse a un elemento común, posibilita ao mesmo tempo a traducción espontánea en pura praxis libre onde as convencións de estilo, formato e técnica son deixadas de lado…. Porque o que está en cuestión é se a contemporaneidade se xenera ou se recibe nun territorio periférico (este, calquera). Porque a vivencia, a traducción libre da realidade, desdebuxan as fronteiras entre disciplinas e as fronteiras entre centro e periferia.
Así o círculo que aglutina a exposición, así a corrente na que decorre o fío temperao da ferramenta sobre un anaco de castiñeiro, sobre un material de refugallo, a terra que constrúe espirais para o mundo, liño, pedra, lá, palabras, pigmento, louza e metal, papel e vidro, así o pensamento tropeza nos útiles e crea con acento propio.