viernes, 11 de enero de 2008

O SEBASTIÁN


Sirva este artigo de pequena homenaxe a este home que tan felices fixo a moitos nenos e nenas caldelaos ó construirlles o máis fermoso fachón. Mágoa que non teña ningunha foto dil.

Cando eu era pequena, na década dos setenta e oitenta, ainda se segaba a man e se facían palleiros. Naquela época a festa dos fachós non tiña tanta sona "internacional" pero nós pasabamolo igual de ben. Daquela, cando se acercaba o 19 moitos nenos subiamos as Laguiñas ou o Toural á casa do Sebastián. Si mal non recordo era o único do pobo que levaba o nome do patrón, agora xa non queda ninguén. No baixo da súa casa, no mes de xaneiro, había sempre un gran montón de palla. Tu ías alí e pedíaslle que che fixera un fachón e el dicíache que che faría o máis bonito de todos. Eu quedeime algunha vez coa súa neta e ca Pepita do Toural mirando como os facía, como xuntaba a palla, como facía os atadullos (que, por certo, eu dispois nunca sabía desfacer). Cando o fachón estaba rematado íaste para á tua casa todo orgulloso.

¡Cántos fachós debeu facer o señor Sebastián ó longo da súa vida! ¡Qué amable era con nós!.

Os nenos, que xa se "sabe" que son máis valientes e "manitas" que as nenas, facían os fachós iles sós. Lembro que ata había competicións entre os da Pena e os demáis.

O Sebastián era un home baixiño e miúdo, solía levar biseira. Paréceme lembrar que tamén tiña un pequeno bigotiño, o mellor eso só é certo na miña imaxinación. Para min o máis significativo do seu rostro eran os seus pequechos e brillantes ollos.

Agora o Sebastián xa non está con nós pero vive no recordo do paraíso perido da miña infancia e seguro que no de moitos caldelaos máis. Dende xa fai anos tamén, como non hai palla segada á man, o Concello é o encargado de facer fachós para todos. Por iso, cada certo temp, organízase en Quintela de Mazaira unha sega e malla tradicionais, logo fise un palleiro do que se saca a materia prima para os fachós de vario anos.
(A FOTO QUE ILUSTRA O ARTIGO FOI FEITA POR DORY, DA FUNDACIÓN COMARCAL TERRA DE CALDELAS, E GAÑOU O 4º PREMIO NO III CONCURSO FOTOGRÁFICO RIBEIRA SACRA)