Dende Castro Caldelas dirixímonos ó barrio do Toural deixando á dereita a casa do Concello e subindo por unhas escaleiras entre casas con galerías ata a parte mais alta do pobo, rodeamos o recinto feiral deixándoo á nosa dereita e pasando o bar Toural vemos o indicador de San Xoan de Camba cara onde nos diriximos, outro cartel nos avisa onde teremos que desviarnos da pista para chegar á igrexa do antigo mosteiro. Pasamos ó seu lado e seguimos o camiño que baixa xunto ó camposanto.
Á dereita do camiño podemos observar un exemplar de Acivro e máis adiante unha granxa ó pe da C-536, aquí xiramos á dereita avanzando paralelos á estrada por unha elevada. Chegamos a un cruce onde tomaremos o camiño da esquerda para atopamos co río Edo.
Debémolo cruzar, no verán é moi doado xa que pasa case seco por esta zona. (En caso de que vaia moi alto retrocederemos para cruzar pola ponte da C-536.)
Seguimos rectos polo camiño onde poida que nos atopemos unha zona enlamada, para rodeala temos a posibilidade de ir por unhas fincas paralelas ó camiño e así chegamos a outro cruce de camiños mais ancho, tomamos á dereita e camiñando uns minutos por un sendeiro estreitiño atopamos a Fonte de Piñeira fonte de augas mediciñais sulfurosas e amónicas de baixa concentración (fixarse na inscrición que nos indica o ano da súa construcción 1867...).
Por detrás da igrexa de Vilamaior seguimos este camiño de orixe romano pero no primeiro desvío torcemos á esquerda ata a Veiga de Sas onde nos acercaremos a ver uns petróglifos conservados en dúas rochas ó pé dunha columna do tendido eléctrico.

1º Muiño:"MUIÑO DO RIZO". Aparece á nosa dereita e está oculto pola vexetación. Presenta un estado ruinoso.
2º Muiño:"MUIÑO DO VAO". Aparece á nosa esquerda e podemos acercarnos ata el cruzando una pequena ponte de pedra, pero a nosa ruta continúa polo lado dereito onde tamén podemos observar"A CASA DO MUIÑEIRO".
Variante: ó cruzar a ponte á dereita e cara arriba podemos tomar un camiño que sube ata o cruce de Alais e de alí pasamos directamente a Castro Caldelas polo barrio de Trascastro (ás veces a maleza é demasiado alta e non se pode seguir este tramo).Seguindo pola nosa ruta podemos observar á dereita unha ROCHA BRANCA DE CUARZO.
3º Muiño:"MUIÑO DA PONTE". Antes de chegar vemos con claridade a presa e a canle que conducen a auga do río ata o muíño na marxe esquerda. Para pasar por diante del temos que sair á estrada que ven de Alais, cruzar o río e seguila cara arriba facendo un zigzag dobre pola mesma estrada ata enlazar cunha pista de terra á dereita. Seguirémola subindo ata atopar un desvío á esquerda do sendeiro que entre carballos e castiñeiros ascende con pendente pronunciada a Castro Caldelas.
Chegamos ó pobo saíndo directamente á estrada de Monforte case á altura da Praza do Prado, pero tamén poderíamos subir ó Cima da Vila por un camiño alternativo:
Ó chegar á estrada de Monforte tomamos á dereita, e un pouco mais abaixo cruzámola, onde rematan as casas vemos un sendeiro que sube moi empinado directamente ó Cima da Vila, o camiño está marcado con estacas e cordas brancas e rodea totalmente o cemiterio (tamén se pode entrar nel para disfrutar das vistas dende o campanario da Igrexa de Santa Isabel) despois seguimos o camiño para rematar a ruta polas rúas do casco antigo en torno ó Castelo dos Condes de Lemos.

















